Nove Poemas

Luz Pozo Garza

Como un preludio
 
Como un preludio
escribín o segredo das verbas namoradas
Primeiro o desvarío logo a clave
As palabras envisas
as poñía no peito a deitar como pombas

Vai polo sangue un rego de memorias
una fogueira intacto do tempo doutras vidas
que chamamos amor

Como un preludio veu a chuvia
Soa tecía os meus cabelos
Biquei madeira
                           muros
                                           arpas
esa pedra luida que foi caer no río

Biquei tamén o aire que respirabas
no espacio fiel que non coñece a morte

Saín ó pasadelo. A lámpada na man
Recoñecín a música que profesas na noite
 


Dediante dun espello

Dediante dun espello
vexo pasar a vida crucillarse
as chegadas os encontros
o amor como un piano aberto
na noite
 
Pasan tamén os intres
as verbas desleigadas os poemas
escritos como quen
leva na man un paxaro que vai morrer
axiña
 
Vexo no espello
como se ollase o interior da alma.
E podo demorarme na lembranza
erguer a man e luir recordos pálidos
moi paseniñamente
 
Hai anos que non vexo como agora
a limpidez da praia
onde puido unha anémona
batir nun peito de home
moi paseniñamente
 
Esquencín o vieiro do Paradiso.
Preto de nós
o cume convidounos ás apertas.
Bateron xuntos corazón e mágoa.
Pasaron naves nubes
                                  tempos
                                                sombras
primaveras translúcidas
solsticios
pero o amor unánime pódese ollar
no espello

 


O paxaro na boca

Os teus paxaros choven miudiño
sobre das miñas árbores e tamén
sobre destes meus beizos, que che cantan.
Eu fago conta de que son de terra
ou son unha silveira no teu colo
na túa beira de aire e peixes louros
Recibindo o sabor da túa paisaxe:
—húmedas aves novas do teu peito—
aquí estou meu amor, aquí me choves.



Camelia mistica
 
Este fulgor tan frío que nos traspasa a alma
flor de carne celeste
 
flor minuciosa pétalo por pétalo
labios que bican sen rozar apenas
 
Esta flor que se entrega sen paixón
sen porfía
 
Contemplación acaso beatífica
para unha mística do Coñecemento 




Soletreaba eu aínda o meu nome
de párvula e sabía desa existencia túa
xa ensumida
nos avatares dunha sombra

Demoraba nun parque de eucaliptos
na vila tan amada
e souben do regreso daquela sombra ambigua
expresada nos astros
E sabía dun corazón oculto
no manto dos ocasos e as camelias
sabía das vivencias escritas
como follas que murchan sen remedio
nunha tarde letal
perdida nas estancias do outono
nas orelas do Sar sempre de cara á norte
 
 


Escribías as páginas secretas
da fábula da vida
cun ramallo de lilas para a morte

Sabías que no inicio da noite
se revelan as almas do infortunio
                   -E o poñías nun libro-

E sabías da transgresión das horas
cando o tempo se anula
                   -E o poñías nun libro-

E sabías que o valeiro das almas
leva de seu a mágoa dunha fonte en penumbra
                   -E o poñías nun libro-

Acaso presentías
cando pechar os ollos cun Ramallo de lilas
                   -E a morte escribe o libro-

 


Cantiga para ler en tempo de penumbra
En clave de Martín Codax

Axiña pasa o tempo da total transparencia
as verbas que deslizan un tránsito de soles
ondas do mar levado
unhas mans que circundan
coma un stradivarius os labios e a cintura
nese momento a sombra perdeuse para sempre:
E ai Deus se virá cedo!

Qué axiña no sagrado as sucesivas voces
os corpos que resumen a vesperal caricia
que nunca houbera amigo
nen perseguir o reino das noites fuxidías
nen respirar a pausa que chamamos amor:
E ai Deus se virá cedo!

A rotación da chuvia persiste na memoria
e percibimos lonxe un hálito sombrizo
se vistes meu amado
quizáis volver os ollos nunha implícita entrega
os cabelos a boca a cintura que xeme:
E ai Deus se virá cedo!

Cae unha folla intacta coma laio
talvez volver os ollos a contemplar o tempo
bailar corpo belido
no centro da mudanza onde o mar é levado
e non saber a forma precisa da demora:
E ai Deus se virá cedo!

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro a se tornar caricia
e bañarse nas ondas
nas mesmas vivas aguas da existencia
sílabas delicadas ausencias repentinas
a se perder no reino do lamento:
E ai Deus se virá cedo!




Un cunco agora

Vin de queimar madeira tal vez noites
nos arrabaldos murchos. Bate o vento
na pechada fiestra

Extinguíanse as mans os cabelos a nuca
por onde esvaran os conxuros

Fiquei no limbo da tristura
non sei cal era a cor do ceo.
Sobor da cinza morna
enfornei a fogaza da miña soidade

Auga da fonte chora.
Se atopo un cunco agora
enchereino de bágoas




Agora que regresa a primavera
Homenaxe a Aquilino

Agora que regresa a primavera
por riba de Seivane nas terras de Abadín
e vai deixando sámago nos bimbios.

Agora que retornan as floracións antigas
e unha bris delicada fragmento de escritura
vai liberando a alma.

Agora me decato da presencia do amigo
cando as aves concertan o equinoccio celeste
e os bois en Lamanide
levan na cornamenta unha roda solar.

Atrás quedou a aldea
a páxina purísima escrita en neve
o principio da patria
a pobreza inocente que respiran os nenos
e dá tempero a alma.

¿Lémbraste, meu amigo?
A luz deixaba formas de saudade
e a frescura das pedras
podía modular os ámbitos do río
lámina impresionista na mañá fuxidía.
Era o tempo
en que as rapazas novas apañaban nos fieitos.

Lembraraste ás vegadas da mudanza das follas
dos espacios marcados por unha chuvia límpida
da textura da frol rosada das silveiras
da imprecisa distancia que vai da vida á morte
aló por Vilarente.

O serán descendía coma un palio
sobre das torres de Mondoñedo
no tempo dos hexámetros latinos.
Era a consagración da primavera
na materia das árbores na ledicia do vértigo
na memoria das églogas:
Silvestrem tenui Musam meditaris avena.

Viña a palabra nova
na fábula do amor no principio da música
no esplendor imprevisto das maceiras.
Chegaría unha carta de Virxilio:
Sunt nobis mitia poma.

Fuxían as escuras peonías
lonxe do corazón adolescente:
Aínda non entraras nos palafitos da morte.