de claus e o alacrán

Lara Dopazo Ruibal

deixaremos a cidade arrasada
cos seus peixes mortos de ollos fóra das órbitas
e as lecturas das súas entrañas
ao escarnio de todo o mundo.
deitaremos os corpos cansos ás aforas da cidade
mentres arde
e sobre as súas cinsas cuspiremos
para quedar cinguidas a ela para sempre.
cos escombros faremos un vestido
co que taparnos do lume.
cos escombros, un pombal de insectos
unha corte para o gando morto
un funeral
por cada habitante da cidade que nós propias
asfixiamos na vertixe do tremor
 
na vertixe do tremor
abrirá a terra unha fenda e
desde o alto
miraremos como a fenda o devora todo
 


eu ás veces soño que existe amador
como se amador puidese existir
el, as súas condicións de posibilidade.
amador ten dous nomes
un é amador
outro é guadalupe
e eu soño con chamalo desde o medio dunha eira
unha tarde de sol
polos seus dous nomes, amador guadalupe
e que a miña voz faga tremer a herba
 
querelo como só se quere
á carne que sae dunha despois de sangrar

pero eu sei que amador non vai ser
porque o proceso de ser parece tan doloroso
como unha tarde de calor
como os picazos no peito despois de traballar mil horas
por un xornal mercenario

a min prodúceme moitísima tristura pensar nel
nos seus ollos inmensos
cheos de noite
coa placenta tatuada no iris.
prodúceme ansiedade pensar nel
no baleiro de pedra
nun eido que non existe. nas ovellas mansas
que dormen ao meu pé
coa súa brancura de memoria

a perda, e todas esas cousas.
quero escribirlle ducias de cartas
que nunca hei escribir
polo medo a ser chamada enferma
 
entón fago unha coroa de flores
e trenzo o pelo e recólloo por riba dos ollos
pero como non teño mans, non podo amañalo ben
e aleteo sen rumbo enredada nas paredes do cuarto.
bato contra as fiestras, contra as portas desta casa
que non ten portas

os meus ollos absorben luz
pero non identifican as formas
 
amador, é tristísimo que non existas, choro
é tristísimo
ese peito baleiro. ese útero baleiro.
gardar o teu nome bordado na roupa da casa
coma se estiveses morto
a mortalla, as sabáns, os panos
os manteis e a cubertería con debuxos de flores
a louza rabuñada de tanto lavar
no lavadoiro onde beben as vacas e eu
limpo a parte anterior dos ollos
a boca
 
pero ti non sabes o que son as vacas
nunca vas mirar unha vaca
 
amador, que nome bonito dispuxen pra ti
que peito, de non ser
esta carraxe. este odio
este amor todo descoñecido.
berro o teu nome polo eido e os veciños
saen á porta da casa e miran
con medo
os pés cheos de feridas.
pero tras dos eidos está o mar
as bateas calmas, as illas.
e despois da herba e do mar estás ti
amador doloroso. útero florido
 


plantei dentro do corpo unha figueira

as súas raíces son tan fortes que me atravesan

afío unha machada e golpeo
con toda a forza do mundo
pero esas raíces nunca rompen
 
só abren co lume
 
médrame a figueira dentro mentres o alacrán
caza as formigas que me saen dos ollos
cómeas como se fosen moscas