de Camuflaxe

Lupe Gómez

Enerxía secreta

1

Paríchesme. Traía ás.
O sangue dos mortos estaba gardado
na artesa.
Era entroido. Eu cría na sinceridade aberta dos acordeóns.

Hai neve, moita neve nos campos e na lingua que falo,
dentro do estómago político das vacas.

 
2

Paríchesme golpeando con suavidade
na percusión difícil do meu corpo.
As paredes teatrais das fontes rebentaban
no cristal da noite.

Eu voaba.

 
3

Tiñas catro fillos, e corenta anos.
O parto foi na cociña dunha casa con chan de terra.
O meu sangue era un lazo co teu ventre avultado.

 
4

Bailabas, e sachabas na leira.
Eu tiña a tose ferina e
morría nos teus brazos.

 
5

—Teño dúas madriñas. Dous prados. Dúas historias. Dous trens. Son dúas mulleres, dúas irmás, dúas veciñas, dous barquiños.—

 
6

—Naquel bautizo, no ano 1972, estivo presente a miña madriña Marisol e quixo poñerme o nome dunha pequeniña virxe daquela igrexa escura, fría e preciosa. Tamén estiveron / presentes e ausentes / a miña madriña Virtudes e o meu padriño Antonio. Eles vivían en Alemaña, na emigración das flores.
Os ollos de Vritudes son camelias azuis, grandes. Antonio de Hermida era íntegro, elegante. Morreu, pero seque facéndome regalos.—

A noite é a memoria . . .

 
7

Nai camuflada. Niño dos paxaros.
Aloumiño. Apertas lingüísticas.

Eu cazaba aves.

 
8

Quérote, cos meus dedos mutos.
Coas bolboretas do aire fago para ti un encaixe.
Coa forza cega dos meus ollos tristes
ensaio para ti unha obra de teatro.

Co meu amor fágoche
un bosque.

Aprendo a escoitar as nubes, a traballar a terra e a ler o ceo,
no teu colo.

 
9

—Paríchesme, e o teu home mirábate en silencio, sentíndose por dentro cheo de alegría e árbores. Eu traía sombras eléctricas.—

 
10

Berrabas,
comías sopas,
bebías Sanson.

 
11

Do teu corpo naceu o meu,
como se en min compartises
o misterio das pegas.

 
12

Ti non tiñas soños
porque as mulleres na aldea non soñan.

O atraso económico de Galicia
era unha forma de vangarda artística.